 |
Benvidos/as á páxina web do Concello de Monfero. Estamos, xa hai unhas décadas, vivindo unha verdadeira explosión no uso das novas tecnoloxías e, por tanto, queremos que este sitio de internet se transforme nun medio de presentarmos e difundirmos toda clase de informacións sobre o noso concello. Pretendemos, dende a responsabilidade pública da alcaldía, desenvolver progresivamente, no decorrer na nosa lexislatura, unha carteira de servizos ao dispor da cidadanía.
|
Este portal hase converter, así pois, nunha ferramenta útil para a veciñanza e para calquera que se achegue a visitarnos, xa que o noso compromiso radica en mellorar a canle de comunicación e a tan desexable transparencia da información.
Quen se aproxime a este portal para se informar a respecto de calquera xestión administrativa (axudas, subvencións, trámites, etc.), a respecto de actividades de carácter cultural, lúdico, poderá facelo. Quen prefira obter datos sobre a nosa organización territorial, sobre as nosas sete parroquias e os máis de douscentos trinta lugares, ou ben acerca do noso patrimonio inmaterial e material ha ter aquí un bo punto de partida. Convén non esquecermos que Monfero posúe particularidades que o singularizan como concello: somos un deses concellos rurais de maioría galegofalante; atesouramos arredor dun 70% do territorio das Fragas do Eume, declaradas parque natural no 1997; o Mosteiro de Santa María de Monfero presenta un xadrezado na fachada único en Galicia; tamén son espectaculares os miradoiros, os ríos, os cruceiros, as fontes, os lavadoiros que se espallan por todo o municipio.
O Monfero actual está mellor comunicado ca nunca e ofrece unha grande cantidade de servizos de todo tipo para gozar da estancia entre nós: aloxamento en casas de aldea e de turismo rural que ben poden ser unha alternativa para o descanso da vida máis atafegada nas grandes cidades, restaurantes e cantinas onde se poden degustar produtos gastronómicos de calidade e propios da zona, circuítos deportivos, roteiros para o camiñante.
A nosa vocación é que este portal acabe por ser a entrada ao noso concello e que por el pasen as vosas consultas e, dende logo, as vosas suxestións e mais a vosa colaboración, para axudarnos a mellorar en todos os ámbitos.
Aproveito esta ocasión para facer chegar a miña consideración máis sincera a quen nos visita e a quen xa vive aquí e vaia tamén aos veciños/as o meu agradecemento por contribuírdes entre todos/as ao desenvolvemento deste concello.
Andrés Feal Varela
Alcalde- Presidente do Concello de Monfero
|