A historia do concello é inseparable da do seu mosteiro cisterciense que leva o mesmo nome.
Xa no ano 1135 fálase da demarcación da xurisdición do mosteiro e faise referencia a diversas mámoas na Pena do Moncoso, parroquia do Val de Xestoso.
Varios lugares teñen o nome de Castro nas parroquias de San Pedro do Val de Xestoso, de San Fiz e de Queixeiro.
Existen varias pontes medievais, unha sobre o río Frai Bermuz, chamada Ponte do Dez; outra sobre o río Lambre no límite do concello co concello de Irixoa, na estrada da Viña, chamada Ponte de San Paio; e outra sobre o Lambruxo, entre os lugares das Travesas e Vilarboi, todas elas dun só arco e do século XV.
Destacan tamén as pequenas ermidas da Ascensión: unha no lugar de Boicornello, parroquia do Val de Xestoso; outra en Santo André da Ribeira e outra en Lagares, ambas na parroquia de San Fiz de Monfero; e aínda outra en San Bartolomeu, na parroquia de Queixeiro. Nelas pódense atopar tallas de madeira policromada e pinturas murais.
|