Monfero ten unha extensión de 173,28 Km2. Destaca na súa superficie montañosa a Serra da Loba, con cotas superiores aos 600 metros de altura. No centro do Concello está o Monte da Pendella, de 712 metros de altitude e desde onde se pode gozar dunha vista panorámica que abrangue das Mariñas ata á Coruña.


        

         O río máis importante é o Eume, que forma fronteira natural cos concellos das Pontes de García Rodríguez, da Capela, de Cabanas e de Pontedeume, ata a súa desembocadura na ría. Entre os seus afluentes máis considerables encóntranse o Frei Bermudo e o San Bartolomeu, que forman un conxunto de gran beleza ao longo de toda a súa ribeira, debido ó clima oceánico húmido que presenta o termo municipal. Cómpre poñermos de relevo tamén os ríos Lambre e Lambruxo, que percorren a zona occidental

         Mención especial merecen as Fragas do Eume, declaradas Parque Natural no 1997, por seren o bosque caducifolio máis importante de toda a Europa atlántica, xa que as súas características climáticas permitiron a sobrevivencia de especies termófilas de flora e fauna desaparecidas noutros bosques similares. Polo demais, son innumerables os regatos que, con abundancia en troitas, sucan todo o territorio monferés.

         De interese paisaxístico, á parte das Fragas, son as zonas de Lagares na parroquia de San Fiz, a Carballeira do Dez e a beira toda do río Frei Bermudo no Alto de Xestoso, os chamados Cales da Cela, o xa citado Monte da Pendella e en xeral as ribeiras dos ríos, nomeadamente a do San Bartolomeu, que se estende de norte a sur polas parroquias de Queixeiro e San Fiz.






 

 
 
 





Teléfono: 981 793 885 Fax: 981 793 804 Rebordelo 1, San Fiz - MONFERO ( A CORUÑA)
correo@monfero.es