Pasaron 65 millóns de anos desde que o último dinosauro vivo habitaba o noso planeta. Despois del, foron multitude as especies de animais e vexetais que xurdiron para desaparecer ou evolucionar cara a novas formas. Soamente un puñado de seres permaneceron inmutables durante todo este tempo. A análise dos poles incluídos no carbón de varias concas sedimentarias, como a das Pontes de García Rodríguez, permite facer un fiel retrato da vexetación desde o período Terciario.
Sabemos que por entón o clima era subtropical cun elevado grao de humidade. Isto permitiu o desenvolvemento dunha exhuberante flora similar á laurisilva das Illas Canarias ou ás selvas tropicais do sueste asiático.
Con todo, as crises climáticas do Cuaternario (glaciaciones desde o norte e desertización desde os trópicos) fixeron desaparecer aquela primitiva vexetación excepto daquelas zonas nas que, por unha ou outra razón, permaneceron alleas a estes cambios.
Con toda seguridade, tanto a posición xeográfica como a propia orografía do canón do Eume, posibilitaron que algúns fieitos como Culcita macrocarpa ou Woodwardia radicans, permanezan aínda hoxe en día. Son auténticas xoias vivas, testemuñas dun remoto pasado.
As Fragas do Eume albergan 28 especies de fieitos, 7 delas relictas, das que 6 están catalogadas como ameazadas e esixen a maior protección.
Teléfono: 981.79.38.85 Fax: 981.79.38.04 Rebordelo 1, San Fiz - MONFERO ( A CORUÑA) correo@monfero.dicoruna.es