Conta a lenda que cando Deus creou os ríos, mandou nacer tres xuntos na Serra do Xistral e, aínda que as fontes manan do mesmo lugar, foron abocados para distintas ladeiras e recibiron a promesa de que, canda ano, aquel que chegase primeiro ao mar tería un home.
Deulles a categoría de divinos e nomeounos con resonancias gregas: Eume (en Monfero chamado Río Grande), o da caída de poñente, fertilizaría as terras das Pontes; Landro, o da vertente norte, que fecundaría carballeiras para lles facer producir landras; e Masma, o da ladeira “raiante”, que crearía, coa súa chegada ao mar, as marismas.
Acabados de nacer, conviñeron descansar un pouco no camiño, pacto que só cumpriu o Eume, que ao saber da traizón dos compañeiros, enfurecido e encabuxado, acelerou a súa marcha pola Capela e por Caaveiro labrando os soados canóns e conseguindo chegar o primeiro. Por iso, todos os anos se afoga unha persoa nas súas augas.
Cómpre destacar tamén o treito do Camiño dos Franceses, que está entre as parroquias do Alto de Xestoso e do Val de Xestoso. Nesta última parroquia foi vencida unha tropa napoleónica durante a Guerra da Independencia. Logo segue o camiño cara a Betanzos, de onde parte un ramal cara a Pontedeume atravesando todo o municipio, chamado tamén Camiño Real, que, despois de cruzar o río Porto no límite con Vilarmaior, continúa pola parroquia de Grandal ata chegar ao Castelo de Andrade, situado en Nogueirosa, Pontedeume.
Conta a tradición que na Pena do Seixo (San Fiz), punto que confina con Vilarmaior polo Monte Grande, se facían ritos e bruxarías ao chegar a medianoite.
|