CONCORDIA ENTRE O ARCEBISPO DE SANTIAGO E MAIS OS MONXES DESTE MOSTEIRO

Entre as páxinas da vida interna de Monfero resulta digna de se recoller a referente a unha curiosa concordia que tivera lugar en 1235 entre o arcebispo de Santiago don Bernardo e mais os monxes deste mosteiro.

Pretendía o prelado que os monxes concorresen a sínodo cando fosen convocados, o que se debía celebrar dúas veces ao ano; recibisen a el ou ao arcediago cando andasen de visita e que recoñecesen a xurisdición e dereitos do diocesano nas parroquias e ermidas que lles estaban anexadas. Os relixiosos negábanse a todo isto, dicindo que gozaban das exencións da orde do Císter.

Dividíranse por esta causa os monxes entre eles, e alporizáranse os ánimos ata tal punto que máis dunha vez se apelara á violencia.

“Interveu a autoridade do Sumo Pontífice, que nomeou xuíces delegados ao bispo de Lugo don Miguel, a un arcediago e mais a un xuíz da mesma igrexa. Para facilitar a concordia, o arcebispo don Bernardo renunciara a toda demanda sobre as violencias e atropelos que xa se produciran, e non puxo reparo para que no mosteiro se aplicase a orde cisterciense, mais coas seguintes condicións: 1.ª, a de vir todos os anos a sínodo e observar todas as constitucións sinodais que non fosen contra da regra do Císter; 2.ª, a de recibir e hospedar o arcebispo e mais o arcediago da terra (o de Nendos) cando andasen de visita; 3.ª, a de se perdoar mutuamente e amigarse con amor sincero os monxes dos dous partidos, é dicir, os que estaban polo abade cos que estaban polo arcebispo e a igrexa compostelá, e 4.ª, a de recoñecer a xurisdición e dereitos dos diocesanos en todas as ermidas e parroquias agregadas ao mosteiro. Subscribiran a concordia, cos xuíces delegados, o arcebispo don Bernardo e mais o abade de Monfero don Julián, e varios cóengos e monxes de Monfero.”


(Información tirada de Historia de Pontedeume e a súa comarca, 1995; cap. IV: Monfero)


 
 
 





Teléfono: 981.79.38.85 Fax: 981.79.38.04 Rebordelo 1, San Félix - MONFERO ( A CORUÑA)
correo@monfero.dicoruna.es