FUNDACIÓN

O célebre mosteiro de Monfero está situado a uns vinte quilómetros de Pontedeume, a máis de trescentos metros sobre o nivel do mar, no medio das ásperas serras de Cela e Moncoso, que deixan entre elas un pequeno val cruzado polos ríos Lambre e Eume.

A estrada de Vilar a Curtis remata no lugar chamado As Travesas, a tres quilómetros do mosteiro.

Atribúeselle a fundación de Monfero ao emperador Alfonso VII, quen, segundo se di, colocou a primeira pedra o 3 de maio do ano 1114, a petición dos nobres cabaleiros don Alfonso Bermúdez e don Pedro Osorio, tío e sobriño, descendentes da casa dos Osorio, despois marqueses de Astorga, e naturais e señores daquel couto; os que, deixando o servizo do monarca, tomaron alí o hábito relixioso e fixeron edificar á súa conta a igrexa, fermosa e ampla, de tres naves, que existiu ata o ano 1620. Ademais dos bens que no momento de profesar cederan ao mosteiro, ofrecéranlle un sobriño deles chamado Juan Peláez, fillo dun Pedro Osorio viúvo e de dona María Pérez.

Segundo o P. Argaiz na súa Soledad Laureada, dous poderosos irmáns, Fruela e Sueiro Bermúdez, mataran a coiteladas o mordomo da raíña dona Urraca, polo que o fillo dela, Alfonso VII, confiscáralles a facenda, coa que edificara o mosteiro; facenda que se vira aumentada coa voluntaria renuncia do mundo do antedito Alfonso Bermúdez, que era irmán dos matadores, e o seu sobriño Pedro Osorio.

Despois de que comezara a construción do convento, e por rogos da infanta doña Sancha, irmá do monarca, pedíronse monxes a don Florencio, abade que era do mosteiro de Santa Marina de Valverde, en terras do Bierzo, trasladado tres anos despois ao de Carracedo. Mandou aquel seis relixiosos, dos que se ignoran os nomes, sabéndose soamente que o primeiro abade se chamaba don Munio, cargo que desempeñara desde o ano 1114 ata 1132, data do seu pasamento, e o prior don Froila, por sobrenome o Ermitán.

Viviron estes monxes, ao primeiro, nunhas pobres chozas, pois na construción da primeira igrexa e convento botárase bastante tempo, e tiveron por oratorio a pequena ermida de San Marcos, erixida vinte anos atrás polos pais de don Alfonso Bermúdez e don Pedro Osorio, no lugar chamado “a eira vella”, dentro do zarro do mosteiro.

A mesma advocación de san Marcos tería despois a igrexa, ata que, fundado o mosteiro en honra da Santísima Virxe, comezara a se lle chamar de Santa María de Monfero.

Cedendo Alfonso VII ao requirimento dos citados cabaleiros don Alfonso Bermúdez e don Pedro Osorio, subscribiu o privilexio de fundación e confirmouno o 5 de decembro de 1135.

(Información tirada de Historia de Pontedeume e a súa comarca, 1995; cap. IV: Monfero)


 
 
 





Teléfono: 981.79.38.85 Fax: 981.79.38.04 Rebordelo 1, San Félix - MONFERO ( A CORUÑA)
correo@monfero.dicoruna.es