A IGREXA E MAIS O CONVENTO

A antiga, ampla e fermosa igrexa de Monfero, como obra comezada a empezos do século XII, era de puro estilo románico e constaba, segundo xa se dixera, de tres naves.

Reedificados de todo a igrexa e mais o mosteiro por causa do seu estado ruinoso, na segunda metade do século XVII, hoxe soamente queda da antiga fábrica un lenzo da portería, no que se ven, ao exterior, algúns canzorros e uns pesados contrafortes, e que no interior é oxival.

Dispuxera o derrubamento da primitiva igrexa o insigne abade don Frei Tomás de las Peñas, quen desempeñara esta dignidade durante os tres trienios completos que tiveran principio nos anos 1620, 1635 e 1641. O derrubamento efectuouse no trienio 1641-1643 e as novas obras remataron a mediados de febreiro de 1655, sendo abade don Frei Nicolás García, que predicara na solemnidade da inauguración e dixera a misa pontifical o abade de Sobrado, que, co de Meira, asistira a aquel acto.

Esta nova igrexa, que merece ser eloxiada polo seu aire, amplitude e xenerosas proporcións, é dunha nave e afecta a forma de cruz latina de brazos non moi desenvolvidos.

Nunha descrición manuscrita de Monfero, redactada polo que fora celoso ecónomo daquela igrexa don José Manuel Díaz Losada y Felpeto, atopamos unha recensión exacta e moito polo miúdo do templo actual, que estimamos que paga a pena reproducir aquí.

“A fachada principal da igrexa mira cara ao occidente, e está constituída por un corpo de catro fermosas columnas e dúas pilastras estriadas da orde corintia, das que as súas elegantes bases asentan no propio pavimento do adro, sen outro pedestal, e van termar dos fermosos capiteis, a cornixa de flores, estrías e modillóns co que remata, sen frontispicio ningún, mentres que na parte central ábrese a porta e catro fiestras e fornelas nos espazos entre as columnas, acompañando todo con ornamentos de casetóns nos que se engarzan negras e brunidas táboas de lousa, flanqueando, por último, dúas torres na maxestosa fachada. Por riba da porta está labrada a cruz de San Domingos; nas fornelas hai dúas estatuas dunha raíña e dunha monxa, ocupando esta a dereita do observador.

“A torre da dereita ergue dous corpos por riba da fachada; o primeiro cadrado, co seu pedestal, un arco a cada fronte, abrazando unha fiestra rectangular, aos lados da que se coñecen oito pilastras baixas por fronte, que terman dunha esvelta cornixa, sobre a que se ergue oitavado o segundo corpo da base e dúas pilastras de cada lado do único arco de cada cara, intermediando despois outras tres pilastras polo plano das oitavas, todo con entrepanos de floróns e picos, suspendéndose as obras antes de comezar as cornixas deste corpo. A torre da esquerda quedou tamén no remate do baseamento do segundo corpo, e ambas as dúas torres rematadas habían ofrecer un fermoso aspecto.

“O templo é unha soberbia nave de setenta e sete varas de longo por quince de ancho, con proporcionada altura; dunha arquitectura ben desempeñada pola orde e estilo da fachada principal, ou sexa corintio e do século XVII. Ata unhas vintedúas varas da entrada esténdese o coro, sostido en alto por unha bóveda de casetóns lisos e achatada; e ás trinta e oito varas rompe o cruceiro do templo, termando da grande lanterna de oito fiestras rectangulares, oito pilastras, dúas en cada ángulo saínte, conha grande cornixa de floróns, que percorre, así mesmo, todo o ámbito do claro templo, que en forma de cruz presenta á súa cabeza a capela maior e dúas colaterais nos seus brazos. O espazo comprendido entre as portas e mais o cruceiro presenta contra o muro, de cada lado, catro pilastras e dúas en cada ángulo entrante da cruz, que, abrazando a fermosa cornixa e riba dela os arcos de compartimento das bóvedas, preséntanse estas cun aspecto de magnificencia nos seus casetóns de grande relevo a dous marcos, inserido un no outro, pasando unha faixa desde o centro de cada lado do interior ao centro de cada lado do exterior, con tal gusto no trazado e de tal mestría na realización, que deixan atrás estas bóvedas a outras de grandes templos da orde.

“En cada un dos brazos da cruz e contra a capela maior hai, ademais, unha capeliña con casetóns e ornamento de floróns pola arquivolta. Mais o que máis chama a atención é a capela da Virxe da Cela, á fronte do brazo da cruz, na parte setentrional, que presenta un rico altar de granito, formado o seu retablo por dous pedestais de catro casetóns cada un, que erguen a catro columnas da orde corintia, que é a de todo o templo, coa súa fermosa cornixa e unha fronte curva e cortada, segundo o gusto da época, cadrando nos seus lados coas columnas catro pedestais e os seus remates de urna, e por riba do frontispicio outro remate do que sae unha cruz torneada. Amosa o frontispicio un grande pergameo figurado, co escudo de armas do mosteiro en relevo, que son un brazo cunha manga de cugula termando do báculo abacial na man, dúas flores de lis nos lados superiores, abaixo a mitra e o escudo atravesado ao nesgo por unha banda.

“Todo este conxunto abraza unha capela con bóveda de adorno de casetóns e floróns, e mais a faixa, igual que a gornición do arco alzado por pilastras sobre a imposta, amosando os pendentes a cruz semellante á de San Domingos. Aínda se ve ricamente dourado todo este corpo arquitectónico, que ha resistir algún tempo máis por ser de granito; é obra do ano 1666, segundo a inscrición, e aquí se veneraba a imaxe da Virxe da Cela, aparecida no monte deste nome en 1514, onde brota unha rica fonte. Unha capela chamada do Santo Cristo recoñécese por un arco que está por baixo da galería do órgano, á dereita despois do coro. Por tras da capela maior hai unha peza moi notable chamada Chirola, que é unha sancristía cadrada de catorce varas de lado, con catro arcos para altares e a bóveda profusamente cicelada con relevos e casetóns, representando brasóns, cruces, rostros, lúas, soles, estrelas e outros mil obxectos. Éntrase nela por dúas portas, e é obra do ano 1716.

“Hai no brazo da cruz do Sur outra sancristía; éntrase nela por unha porta; na súa fronte tiña a inscrición dos nomes de Xesús e María, é de extensión abonda, pois terá dezaoito varas de longo por quince de ancho, con tres arcos sostidos por columnas e dividida a bóveda en seis compartimentos; sendo esta obra do ano 1790, segundo a inscrición.

“Neste mesmo brazo, á banda do Sur, hai dúas portas, unha que dá paso ao coro e galería do claustro sagrado e outra ao seu interior baixo. Neste andaban as procesións, rogacións e sepultaba á fin da exclaustración, e comprendía no seu centro un fermoso pio e xardín, hoxe convertido nun triste ermo; este claustro é moi digno de atención polas súas elegantes bóvedas e arcos que, dunha e outra parede, soben, de cada catro ménsulas graciosas e estriadas, e vanse cruzar no alto e formar catro lazos dos que sobresaen, no seu centro e mais nos cabos, cinco floróns, todo ao estilo gótico, orde á que pertence toda esta fermosa porción de arquitectura. Terá unhas corenta varas de lado e cinco luces dunhas anacrónicas fiestras con feitura de paralelogramo e elípticas a cada un; é obra do século XV, aínda que se le na porta do refectorio ano de 1611, e noutra parte 1755, co que parece que se lle deu un carácter máis moderno.”

Faise mención, a seguir, de catro sepulcros góticos, máis antigos cá obra actual da igrexa, entre eles os de Fernán Pérez e Nuno Freire de Andrade, e remátase cunha alusión ao amplo adro, cos seus muros desaparecidos e lápidas extraídas, desde onde se vai dar ao cruceiro, situado fóra do zarro, que era o lugar das procesións.

 



(Información tirada de Historia de Pontedeume e a súa comarca, 1995; cap. IV: Monfero)


 
 
 





Teléfono: 981.79.38.85 Fax: 981.79.38.04 Rebordelo 1, San Félix - MONFERO ( A CORUÑA)
correo@monfero.dicoruna.es