XURISDICIÓN
Un relixioso arquiveiro de Monfero compuxo un manuscrito no século XVIII (1787), que logo continuou outro ata a exclaustración, onde demarcou a xurisdición da maneira seguinte:
“Desde a Pena Medrazo, que está fronte da Hevia e extrema xurisdición de Pruzos,da que a vía camiña á Cancela de Mourente, e segue polo camiño á Cova de Salgueiro; desde ao Campo de Flores, que chaman Mámoas dos Paos de Moncoso que chamaban Paos de Cómite; e dalí segue ao Porto Paial, deste á Pena Fera de Xove e como vai auga abaixo ao Porto Cortella, ás Vigas de Lagares, ao Río Grande de Eume e polo río abaixo ao Porto Losío; dalí auga abaixo ao Pozo das Pombiñas, deste ao Porto de San Pedro; deste segue polo monte ao Seixo da Teixeira, deste ao Marco do Rego de Feal; deste a Pena Cruzada; deste ao Porto Labagua, deste descende, polo Campo de Irís e Porto de Laxe, ao río, fronte da serra de Louriña, polo Porto Pequeno de Coira; deste ao río que descende da igrexa de Santander, e polo río que sobe ata o Pozo de Caldeirón riba da Ponte Velosa; deste sobre polo Monte da Correira, Cernadas das Cortizas, á Pena Cruzada; deste ao Marco de Xunqueira da Serra, que divide as tres xurisdicións do Couto Pequeno, Vilachá e Monfero. Deste baixa á igrexa de Queixeiro e segue dereito polos lugares de Vilaxoán e Prada; deste camiña á Mámoa de Escalares de Vilachá, que hoxe se chama Mámoa das Cabras, preto de Augas Roibas; deste segue dereito ao foxo de Vilariño, máis abaixo do Seixo, ao Marco das Lobeiras; deste camiña polo foxo abaixo dereito ao Marco de Rioi, onde se xunta coa xurisdición de Vilamateo; de aquí sobe dereito polo lugar de Cirquido ao de Escañoi, e deste ao río Lambre, ata dar no Porto dos Carros; deste pasa ao Porto de Viriz, pola cabeza de Vilar da Viña, ao Carballo da Viña; deste vai ás Filgueiras, á Mámoa de Pereiro, sobre Santalla da Viña; por este segue dereito ás Mámoas de Monte das Furas, Seixas, Daural, unido ao paso de Grixoa, sobre Gulfar e Alberiza; deste a Porriños, Fonte dos Pelouros, por riba do Carboeiro, que se atopa por riba da Ponte de Paio; deste segue á Pena de Montante e de aquí á Pena Medrazo.”
Así fora o antigo couto e xurisdición; mais o descoido dos relixiosos, por unha banda e, sobre todo, a violencia dalgúns cabaleiros, deixaron aqueles termos reducidos, a finais do século XVIII, a estes fitos e sinais: “Tomando a vía polo Campo Sánchez, que está no Buriz, que vai dereito ao Río Grande; por esta baixa a Porto Loño e segue ao Pozo das Pombiñas, onde nos sacan os de Caaveiro o lugar de San Guiñedo, a quen se debe poñer demanda de contado; por aquí vai ao porto de San Pedro de Eume, e por este, polos demais fitos arriba indicados, deica a Pena Medrazo. Pois sacan toda a parroquia da Viña, o que hai desde a demarcación das Lobeiras por baixo do lugar de Seixo, seguindo os lugares de Vilaxoán e Prada, ata saír á igrexa de Queixeiro.”
O monxe anónimo que apuntara as anteriores noticias recoñece que era xa difícil recuperar o perdido e que, de se facer as xestións precisas, quizais se alcanzasen os foros da amentada facenda e ese conseguise algunha cousa.
Monfero, no tempo da súa fundación, estivo baixo da regra de San Bieito, e transcorridos trece anos, nos tempos do abade don Munio, muda o hábito negro polo branco do Císter.
Con tal obxecto, sabedor don Munio de que o mosteiro de Sobrado florecía na observancia cisterciense, que el desexaba adoptar, chamou o abade daquela casa don Pedro, discípulo de san Bernardo, e presentado sen perda de tempo no cabido de Monfero, todos os relixiosos recibiron da súa man a nova institución, someténdose ás condicións e particularidades que se expresan na carta de caridade, en virtude da que este mosteiro quedou desde aquel día por fillo de Sobrado e independente do de Carracedo, ao que ata daquela debía obediencia.
Mais, anos andados, o abade de Carracedo don Amico puxo demanda no cabido xeral do Císter, en Francia, contra o abade e mais o mosteiro de Sobrado, sobre a filiación de Monfero, alegando que Sobrado se erguera con ela. Desexoso o cabido de facer xustiza, remitira a indagación deste asunto ao abade de Oseira don Frei Lorenzo e mais ao de Meira don Frei Ordoño, como xuíces árbitros desta diferenza. Des que recibiran a orde, emprazaran as partes, e feita a conseguinte información, coñeceron e viron que a xustiza estaba da parte de Sobrado, a favor do que pronunciaron sentenza, declarándoo na posesión do prelado de Monfero, en virtude do voto e profesión que con esta casa se obrigara, reservando a Carracedo o seu dereito salvo no que tocaba ao xuízo da propiedade e dando autoridade a Sobrado para compeler con censuras ao abade e monxes de Monfero no caso de que non quixesen obedecer a sentenza ditada a nome do cabido xeral, o 21 de maio do ano 1214.
(Información tirada de Historia de Pontedeume e a súa comarca, 1995; cap. IV: Monfero)
|