OBRAS REALIZADAS NO MOSTEIRO
No trienio 1665-1668, sendo abade don Basilio Valentín, edificárase a capela da Nosa Señora, na parede do norte, preto do altar de san Bieito.
No do 1674-1677, correspondente a don Félix de Aparicio, fíxose o retablo maior, o cadeirado do coro, rebaixouse a bóveda por diante del, reparárase a ruína que causara por terceira vez unha chispa caída no ciborio, adquirírase a lámpada da Nosa Señora, erguérase a casa da panadería e puxérase zarro ao monte nunha lonxitude de preto de tres mil brazas.
No ano 1683 fixérase a fonte do claustro segrar e mais o estanque-muíño.
En 1689, e sendo abade don Andrés Olivares, achumbáronse os lenzos do claustro de hospedaría, ergueuse a parede do dormitorio cos esteos de cantería, lousárase o pórtico da igrexa, comezárase a dourar o retablo maior (20 de marzo de 1692) e pagáranse mil ducados a conta dos vinte mil reais que se axustaran co mestre.
En 1710, en tempos de don Marcelino Alcalde, alongárase o dormitorio, fixérase un cuarto alto e outro baixo que ocupan as necesarias, cun esteo de cantería no recanto; sacáranse outros dous cuartos, alto e baixo, nos que estaban o arquivo e mais o calefactorio neste dormitorio, formándose un sete para seguir o terceiro claustro deica a Chirola.
En 1713, gobernando don Ignacio Cuadrillero, construírase esta.
En 1738, con don Ignacio Pestaña, pisáranse as celas da hospedaría, adornándoas con camas penduradas, colchóns novos de terliz, cortinas en portas e ventás, e fixéranse cadeiras e tallos de moscovia para a sala.
No ano 1741, con don Malaquías Insausti, electo por terceira vez, erguérase a parede da sancristía que dá ao oriente, porque caera, e engadíranselle dous esteos de cantería para máis seguranza; fixérase o artesoado do antecoro, botáranselle ceos rasos aos dous claustros de hospedaría e segrar e adquiríranse seis candeeiros grandes de prata para o altar maior e mais a sobrecoroa da Nosa Señora.
En 1744, sendo abade don Malaquías Junquera, desmontárase e volvérase edificar a hospedaría, cun esteo que se lle achegara pola parte que mira á horta.
En 1750, baixo don Anselmo Fernández, desmontárase e fixérase de novo a nave da igrexa, que estaba aberta e ameazando ruína, no que se gastaron 16.000 reais maiores da cantidade mandada sacar polo P. Xeneral.
En 1753, con don Manuel Insausti, fixéranse as paredes do novo dormitorio ata a Chirola, coas súas portas e ventás.
En 1756, gobernando por segunda vez don Ignacio Pestaña, fíxose o arquivo no cimo da antesancristía.
No ano 1763, con don Cristóbal Losada, botáronselle pisos novos aos dormitorios e faiado, portas, ventás e cheminea ao calefactorio; colocáronse portas novas na igrexa e portería e fíxose un vestido de tisú en campo carmesí para Nosa Señora, e tamén o seu retablo.
En 1767, con don Lorenzo Romate Montañez, rematouse a galería e mais a parede do terceiro claustro do dormitorio e fíxose o muíño dentro da clausura, no que se colocaron pedras albeiras.
No ano 1771, con don Mauro Albarrán, fixéranse os libros de coro facistol e candil; engadíranselle catro rexistros ao órgano; mercáranse cinco casulas e dúas dalmáticas de medio tisú, un terno de tisú con frontal, pano de púlpito, capa de coro, facistois e ofertorio, traballado e bordado de agulla, e mitra para a misa pontifical; douráranse os cálices e mais o copón; fixéranse dous ciriais, o oratorio e mesa de antesala e pano de defuntos; retirárase o zarro para dar máis folganza ás celas baixas da obra nova da banda do Oriente, e edificárase o cárcere da xurisdición.
En 1775, con don Luís Fernández, fíxose a obra da cociña, coas dúas celas que están por riba dela, canalizárase novamente, desde o seu nacemento, a fonte do claustro e sacárase un brazo para a antesancristía; colocárase o reloxo de torre co seu cuarto e escada; retellárase a igrexa e mais os claustros e botáranselle bastidores e vidros ao ciborio.
En 1779, con don Juan de Lago, fixéranselles balcóns de ferro ás dúas celas da cociña, faiárase unha delas e botáraselle ceo raso á outra, á parte doutros amaños anteriores. Neste cuadrienio déralle un devoto a Nosa Señora de Cela un vestido de tisú en campo branco, seis pequenos candeeiros e mais unha cruz de prata, e, tamén por conta del, fixérase a tribuna da igrexa.
En 1783, con don Fernando Berbeo, fixéranse e pintáranse os catro altares da Chirola, os dous dos patriarcas San Bieito e San Bernardo e outros dous na nave maior, a lámina do retablo maior e a reixa do presbiterio; lousárase o piso do cruceiro da igrexa e encaixáranse as sepulturas; retirárase o coro baixo e abríranse dúas portas na reixa dos segrares; pecháranse os claustros e puxéranse cristais en todos os maineis; fixéranse mesas, asentos, respaldo e cancelo no refectorio, decorándoo co cadro da Cea; fíxose a cimentos a cela abacial de inverno e mais o comedor da media hora e outras moitas obras menores no interior e no exterior.
En 1787, baixo don Anselmo Baquero, fíxose a obra da sancristía e mais a librería.
No ano 1803, baixo don Ruperto Martínez, fíxose a hospedaría, co lenzo do claustro correspondente e mais a escaleira. O 5 de febreiro de 1805, ás oito e media do serán, caera por cuarta vez, unha chispa no ciborio, e, por causa dela, o día 24 do mesmo mes do seguinte ano, derrubárase a media laranxa, estragando os tellados das capelas e da nave da igrexa, producindo graves deterioros na fábrica toda.
En 1807, baixo don Gregorio Rodríguez, principiárase o arranxo da ruína da media laranxa e chegárase ata os cristais das súas ventás; mais houbo que desistir das obras ao se producir a invasión francesa polo estado precario ao que chegara a comunidade xa que os caseiros, vítimas dos estragos ocasionados polas tropas estranxeiras, non puideran contribuír ao mosteiro coas rendas acostumadas e, ademais, porque o abade, movido dun fervoroso patriotismo, decidira mandar á Xunta de Goberno de Betanzos, para axudar nos gastos da guerra contra os invasores, unha importante doazón efectuada con carácter voluntario, sen ningún requirimento previo, consistente en 33.000 reais en metálico, 100 fanegas de centeo e 50 cabezas de gando vacún. Isto determinara tamén a necesidade de poñer á comunidade a media ración.
Outras entregas, pero estas forzosas, seguirán á anterior, realizadas polo mesmo abade don Frei Gregorio Rodríguez diante da citada Xunta de Betanzos, a saber: 2.286 onzas de prata labrada, 2.000 reais en metálico, 4.734 reais importe da prata labrada de uso particular dos monxes, outros 8.000 reais (entrega do 20 de novembro de 1810), e 5.626 reais máis (última entrega coñecida, do 30 de xuño de 1811). Con esta contribución á guerra non soamente non se puideron seguir as obras, senón que a comunidade houbo de seguir a media ración.
Outras entregas, pero estas forzosas, seguiron á anterior, realizadas polo mesmo abad don Frei Gregorio Rodríguez ante a citada Xunta de Betanzos, a saber: 2.286 onzas de prata labrada, 2.000 reais en metálico, 4.734 reais importe da prata labrada do uso particular dos monxes, outros 8.000 reais (entrega de 20 de novembro de 1810), e 5.626 reais máis (última entrega coñecida, de 30 de xuño de 1811. Con esta contribución de guerra non só non puideron continuar as obras, senón que a comunidade seguiu a media ración.
Estas obras rematáranse, polo 1816 e 1817, a conta de Frei Pedro Llanos, fillo do mosteiro de Monfero, que fora prior varias veces nas mellores granxas.
O 19 de febreiro de 1879, á noite, derrubárase polo medio a torre do lado norte, de riba a baixo.
(Información tirada de Historia de Pontedeume e a súa comarca, 1995; cap. IV: Monfero)
|