MILAGRES DA VIRXE DA CELA
A Virxe da Cela gozara en todo tempo de sona moi milagreira. O monxe arquiveiro de quen xa falaramos di que “son tantos os milagres que Nosa Señora leva feitos por medio da Virxe da Cela que se poderían escribir algúns libros se se fosen relatar todas as doenzas que sandou, os cegos que, pola súa mediación, recibiron a vista, os mancos e tolleitos que recobraron brazos e pernas, endiañados liberados, os xustos o aumento de graza e os pecadores o perdón dos seus pecados”.
Conta varios destes milagres, algúns deles relativos a sorprendentes curacións, e deles recollemos o seguinte, como máis relacionado coa historia da nosa vila:
“Na parroquia de Vila Alba (ou sexa Vilalba), no bispado de Mondoñedo, no ano 1616, estando Alonso Ramos, solteiro novo, cun paroxismo, ofreceuno súa nai a Nosa Señora da Cela, prometendo presentalo na súa capela se acordaba daquela letarxia. Des que mellorara, contoulle súa nai que o ofrecera á Virxe Santísima de Cela e que, por iso, deberá quedar recoñecido e ir aló para dar as grazas. Contestou o rapaz: ‘Miña nai, se vostede prometeu visitar esa Santa, cumpra coa palabra; mais eu non, porque non lembro de facer promesa semellante, nin de sufrir o tal paroxismo’. Despois de tres anos volveulle repetir a mesma enfermidade, toma coñecemento e fai voto de cumprir a promesa que fixera súa nai. Sae da súa casa na compaña doutras persoas que ían en romaría a Nosa Señora dos Remedios, a Pontedeume, e polo camiño convencérano de que fose canda eles, pois tamén estaba alí Nosa Señora, e que no ceo todo era unha. Chegaron, xa que logo, á vista do mosteiro e, levado o rapaz polas razóns que escoitara dos seus compañeiros, decidiu non deixalos quedar e ir el tamén a Pontedeume. Estaba xa no lugar que chaman A Visura, sitio no que se separan os camiños que van cara a ela e cara ao mosteiro, cando de súpeto, quedou o rapaz inmóbil, sen poder seguir adiante nin atrás. Berra e chama polos seus compañeiros, que ían máis adiante; volven estes ao escoitar os berros e ven que o mozo non se pode mover. Algúns deles fanlle saber o erro da súa determinación de querelos seguir, deixando de visitar Nosa Señora de Cela, de quen pregara a axuda, e mesmo daquela quedou libre e san. Baixa cos seus compañeiros para dar grazas a Deus e mais á súa Santísima Nai, por medio da que tantos prodixios realizara. Cumprida a promesa, e manifestándose este caso a algúns segundo se ten referido, volveu ao seu lugar moi satisfeito, indo despois moitos anos visitar a Virxe polo día da súa festa.”
No aspecto que estamos a considerar é merecente de lembranza unha fonte chamada de Nosa Señora, que está onde nun tempo estivera a súa ermida, entre os penedos dos montes de preto do mosteiro, á que acoden os fieis con distintas doenzas, “da que a prodixiosa auga -di o monxe arquiveiro- foi abonda en por ela para apagar nunha ocasión todo o incendio do monte da Cela, que ardera todo ata chegar a esta fonte; pois coma se acudise cun mar de auga, xa de súpeto se apagara, sen seguir adiante, aínda que estivese daquela moi mesto e medrado o que a fraga producía.”
(Información tirada de Historia de Pontedeume e a súa comarca, 1995; cap. IV: Monfero)
|